2/16/2008

ora pro nobis

Ora pro nobis... así dicían as ladaíñas de tanto rosario como alí rezabamos. Meu pai que non tiña estudos sabía as ladaíñas en latín. Eu que estudei latín non as dicía en latín, que as diciamos en castelán. E por que non en galego que era a lingua que falabamos a maioría? Vaia guerra a que había contra o galego que non era lingua fina para un sacerdote. Nada de falar en galego para as clases, rezar...! e tamén se meteron en que non se podía falar en galego entre nós. E houbo aquel ano famoso das cartolinas con cadrados... e cada falta un cadrado que caía... e ao acabar os cadrados xa todo estaba perdido!! E resulta que falar en galego cun compañeiro era falta e mesmo se fomentaba que os acusicas (e espías) fosen co conto: "padre, Pérez está hablando e gallego con López" e viña o padre armado cun cortauñas e alá vai outro cadradiño máis! Menos mal que a campaña acabou fracasando porque bastantes sobriños de curas e enchufados e bos estudantes acababan caendo pillados in fraganti co galego e tamén porque moitos non fixeron caso (tres urras polos da Fonsagrada!!!!). Mais depois daquelas manobras moita xente se preguntaba por que tiña unha nota tan baixa en modales/aseo (mesmo tendo boa nota en piedad /disciplina /aplicación /conducta en clase). Pois resulta que era por falaren en galego que como non era lingua fina, ía en contra do aseo e modales dun futuro padre ... pois iso.
Menos mal que nos concertos do Círculo das Artes nos últimos anos a Schola Cantorum xa remataba (outra vez o Castiñeira) co himno galego e había seminaristas que se preguntaban por que ao final da sala no público había uns señores maiores que se poñían de pé emocionados.

Ningún comentario: