12/31/2010

2011

Paz 
Unión 
Alegrías 
Esperanzas Amizade 
Éxitos Amor Realizacións
Respecto Harmonía Forza Solidariedade 
Felicidade Cordialidade Confraternidade Prosperidade 
Sorrisos Sabedoría Memoria Igualdade
Soberanía Liberdade Sinceridade 
Fraternidade Equilibrio 
Dignidade

2011

12/25/2010

Vello lavadoiro de Trasar


Nesta puza das hortas de Trasar de Carballo (foto de hoxe) moita roupiña de seminarista se lavou. Houbo un tempo que no lugar había uns 8 rapaces no Seminario. Metiamos a roupa suxa nunha bolsa, metíanse logo as bolsas noutro saco grande. O Machote levaba o saco á Directa. Os nosos pais turnábanse para recoller o saco na Barrela. As roupiñas lavábanse nesta puza. Xa secas volvían ás bolsas. Das bolsas ao saco, nova quenda para as levar á Directa. E nós recolliamos a roupa lavadiña na Portería. Toda unha industria. Ah, e no medio da roupa ás veces as mamás mandaban algún matute, unhas letras de agarimo. Todo cumpría.

Ben seguro que mentres as nosas nais lavaban tamén contaban algún conto ou criticaban a algunha ausente. Se estas pedras falaran!

12/22/2010

Xantar 6: Boas festas


Coa foto de Jaime, o Presidente por aclamación dos condiscípulos seminaristas, desexámos felices festas de inverno a calquera visitante deste blog estivese ou non nun Seminario (fotoQuintana)

12/07/2010

Os curas en internet


Vén un artigo na prensa sobre iso.
Cando se vai adaptar a igrexa aos tempos? Podes facer a declaración da renda, podes pagar as multas de tráfico, podes saber de todo, podes xestionar todos os teus cartos, podes mercar o coche, podes namorar e conversar, podes facer de todo por internet? Non, en cousas da relixión, aínda non. Por que non podes confesar pola rede dentro dunha páxina segura https? Por que non podes recibir os sacramentos con DNI dixital? Por que non vale máis unha misa multimedia de moitos megas ca unha nunha fría igrexa luguesa? Por que a Igrexa non abre unha base de datos, todos co noso nome e contrasinal. Alí un banco de datos cos teus pecados, coas túas penitencias, coas túas consultas. E tamén un facebook interno no que puideses facerte amigo de tal ou cal santo, do teu mártir preferido.
Mi madriña, o que medraría o rabaño de El Señor? Non si? Se os do noso curso sairamos todos bispos seguriño que dabamos un golpe de estado a todos os Roucos, Afónicos, Curios... e faciamos a Igrexa Virtual.
Pero no xantar do outro día non había nin un só cura, eramos todos ex-. E así lles vai.
Exemplo de como aproveitar as tecnoloxías é esta imaxe dunha tenda nun lugar das Españas. Pasa un crente por alí, ve a tentación e non sabe se xa está permitido ou non ese artiluxio protector... pois manda un sms ou un @ á central de pecados e xa sabe se pode entrar ou non. Así de cómodo e doado.

12/04/2010

Xantar 4-12-2010

Coma todos os anos un xantar do máis agradable. Excelente a organización de Jaime desde USA cos lugueses Polín, Vicente, Penalonga e Fernández. A comida do Manuel Manuel coa calidade de sempre, pero a conversa cada ano gaña en interese, pouco pasaba da unha cando nos xuntamos e case eran as oito cando nos separamos, o tempo foise nun plis plas. Ademais este ano tiñamos un compañeiro que viña por primeira vez e había que facer memoria para lembrar a súa cara, era Antonio Rico.

12/02/2010

Sábado

Aínda que aquí ao lado na páxina pon que o tempo non vai ser bo o sábado, ben seguro que no Manuel Manuel se está abrigado e non vai frío, polo que non podedemos deixar de estar alí todos os do curso. Boa papatoria, poderase pecar de gula.

11/18/2010

Xuntanza anual

Coma sempre estamos todos convidados á xuntanza anual en Lugo o primeiro sábado do mes de decembro!!!! Non esquezades, o día 4!!!

11/03/2010

Que vén o Papa

Hai xa ben anos no lugar de Trasar só había unha televisión na cantina e a señora Teresa cando viu que estaba saíndo o Papa foi correndo buscar o home e díxolle: Avelino, ven correndo ver o Papa que nunca o viches. Deixa, que tampouco il me viu nunca a min, foi a resposta do Señor Avelino.
Filosofía galega, que a apliquen os que queiran os sábado.

10/27/2010

Museo da Catedral de Lugo


Nesta semana un grupo de alumnos dun instituto de Pontevedra visitou a Catedral e o seu Museo. Quen llelo ensinou foi don Jesús Guerra Mosquera, que ademais mandou saúdos para o seu profesor de Lingua e literatura, ex-seminarista e ex-alumno de don Jesús Guerra. Recibidos!

10/23/2010

López Díaz

Tivemos bos profesores de latín:
La Voz de Galicia: O catedrático Xosé López Díaz verte ao latín o léxico máis actual

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu onte a presentación do Dicionario galego-latino clásico e moderno , unha obra da autoría de Xosé López Díaz que vén de publicar o Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades. Como o seu título indica, este dicionario parte do galego como lingua fonte e ten o latín como lingua de destino. A súa principal particularidade é que o autor recolle nela os termos máis actuais do galego, totalmente descoñecidos no mundo antigo, como correo electrónico, persiana, televisión, anorexia ou futbolín, así como expresións do tipo «vaiche boa» ou «botar o carro antes que os bois». Anxo Lorenzo aproveitou para gabar outro dos recentes traballos, a primeira tradución completa ao galego do Códice Calixtino.

10/05/2010

San Froilán

Hoxe é o día do San Froilán. Polo día 7 arriba ou abaixo era cando entrabamos no Seminario para empezar o novo curso. Quen dera vover a aqueles tempos para ser máis novo. E camiñar por Lugo a ver se un se topaba con Pelúdez e a señora Filomena. O que non se sabe é se Peludeciño non estaría tamén no Seminario algún curso. Ben seguro que si.

9/09/2010

Non hai nada coma o licor café

Collido da Voz de Galicia de hoxe:
O Carballiño: Licor café en misa de once
O párroco de Seoane, no Carballiño, suprimiu a consagración ao percibir no cáliz os efluvios do bagazo no canto dos do viño
O viño de consagrar da misa do pasado domingo na parroquia carballiñesa de Seoane transformouse en licor café. Non foi, con todo, un milagre nin houbo ningún tipo de intercesión divina no feito, senón, ao parecer, unha simple confusión do sancristán.
Polo menos esta é a explicación facilitada polo párroco, Emilio Viéitez, que atende varias parroquias da zona -as de Piteira, Longoseiros e tamén a de Santa Uxía de Lobás- e que chegou a Seoane ás 10.45 horas, como todos os domingos. O sacerdote, que cualifica o suceso como «unha pequena anécdota», decatouse de que non había viño para a celebración, polo que pediu ao sancristán, como el mesmo recoñece, que trouxese viño da súa casa para podelo consagrar con normalidade. Encargo que este cumpriu con celeridade, aínda que non como era de esperar. E é que ao chegar o momento da consagración, o párroco detectou polo cheiro que o que contiña o cáliz era licor café e non o elixir de Baco. O bo olfacto de Emilio Viéitez evitou entón o ritual da consagración e continuou co desenvolvemento eucarístico habitual, bendicindo só o pan, sen advertir aos fieis do incidente.
Moitos deles, a maioría, non só non se deron conta dese cambio no rito tradicional relixioso, senón que descoñecían o sucedido aínda no día de onte ao verse sorprendidos polas preguntas de La Voz sobre o cambio na bebida. Outros se decataron da omisión, aínda que non souberon a que achacala. Fixeron, iso si, suposicións en familia sobre se sería un esquecemento do cura, se se confundiu con auga... pero nunca creron que se produciu unha especie de milagre de Caná e que o viño mudase en licor de negro café. Ao final todo foi máis sinxelo e reduciuse a unha confusión do sancristán que o párroco atribúe á súa avanzada idade
.

8/04/2010

O moderno Castiñeira

Falando hoxe nunha praia en Bueu lembrabamos cando o Castiñeira levou o coro de seminaristas a cantar pola provincia, ata un concerto nunha discoteca na Telleira, preto de Chantada. Tempos aqueles!

7/18/2010

Xornal, 18-7-2010

Xornal de Galicia: na edición de papel do domingo 18, suplemento Contexto, páxinas 5 a 7, recóllense estes fragmentos:

O fútbol era unha das escasas distraccións dos seminaristas. Así o asegura Anxo Guerra, quen xestiona o blog Seminarista en Lugo desde 1966. “A vida no internado era dura o que forxaba moitas amizades e tamén ás veces algúns sufrían as continuas burlas dos compañeiros en casos que hoxe serían considerados como acoso. Mais eran outros tempos., declara.

A pesar de toda a escuridade que envolve os seminarios, os que pasaron por eles sempre se buscan. “Case todas as xeracións de seminaristas de Lugo celebran anualmente unha comida onde lembran as anécdotas dos tempos pasados. Para moitos foi un trauma a vida de interno e non queren aínda saber nada daquel sitio onde case todo estaba prohibido, mesmo ler o Marca. Aínda que o fútbol era a válvula de escape. Xogando e como afeccionados aos grandes equipos españois”, recorda.

6/23/2010

Reeditado o libro do Pucheiro


O 1 de agosto de 2008 publicabamos unha entrada: xa somos unha novela. Era a novela do Pucheiro (compañeiro Afonso Eiré): Amigos sempre. Ese libro non se atopaba xa nas librarías. Mais agora volve ser editado por A Nosa Terra. Temos a oportunidade de lelo nunha edición mellorada. E máis agora que o tema dos Seminarios e colexios de curas está na picota en todo o mundo, escándalo tras escándalo. Agochouse moito tempo, pero saltou e agora é o que hai.
Fáganse con el, mérqueno. E que os lectores (as) do blog opinen sobre o libro e os temas que se tocan.

5/24/2010

Música para alzacuellos

Santiago ou Prisciliano?


Tiñamos un profesor no Seminario que nos contaba que era imposible que Santiago estivese enterrado en Compostela, que historicamente non se sostiña o Xacobeo. Tamén hai quen di que o soterrado alí é Prisciliano. O que sexa, hai que deixalo así, non imos desmontar agora todo o negocio do Xacobeo.
Pero si podemos coñecer mellor a historia de Prisciliano da man de Victorino Pérez Prieto: Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, Ed. Galaxia:
- Estamos en ano Xacobeo e aínda se mantén a confrontación Santiago versus Prisciliano. Probabelmente os ósos de Prisciliano non estean enterrados en Compostela pero dende logo é imposíbel que sexan os do Apóstolo, porque a súa presenza aquí historicamente non se sostén. Prisciliano foi venerado en Galiza até o século VI e a historia Xacobea comeza no século VIII. O camiño que fixeron os seus seguidores traendo o cadáver dende Alemaña coincide coa actual ruta Xacobea francesa.
-Foi un home reprimido por ser libre ao igual que os irmandiños, os mártires de Carral e todos os que loitaron porque Galiza fose pobo de seu, ademais de mobilizador dun cristianismo lexitimamente galego. O cristianismo en Galiza debe beber da realidade do pobo, non só participar da súa lingua senón tamén da súa realidade antropolóxica. Se Prisciliano prendeu foi porque conectou con eses substratos que quería un cristianismo máis seu.
-As intrigas dos bispos antipriscilianistas conseguiron que Clemente Máximo o condenase a morte en Tréveris, lonxe da Gallaecia onde pasara toda a súa vida. Resulta rechamante que o movemento creado por este home, que puido ter pasado desapercibido como outros herexes, permaneceu vivo 200 anos despois da súa morte e que 1600 anos despois se segue reivindicando.

5/18/2010

En galego!

Manifestación de Santiago o 17 de maio de 1010

A igrexa ten unha débeda histórica con Galiza, porque dada a súa forza no país, colaborou a soterrar un idioma e unha cultura, que se mantiveron vivos grazas aos labregos e mariñeiros... Non só deslixitimou a súa misión cristiá, agora mesmo segue a recuar, sen colaborar coma institución a esta hora de "plenitude" que está a enxergar o país. Ata rabenando o seu futuro, pois non escoita a voz e a fala do pobo, desoíndo a súa participación activa, nun autismo propiciado por bispos e clero. (Alfonso Blanco Torrado, p.12)
Alicia López Pardo (p. 18) conta as súas experiencias de mestra nos Ancares. Un rapaz conta na revista da escola: tivemos unha mestra na nosa escola (non digo quen) que por cada palabra que diciamos en galego tiñamos que lle dar unha peseta. E un día díxolle un neno: ai, señorita, esa lección xa a demos. E ela respondeulle: "demos" sois vosotros y vuestros padres. (p. 20)... Son os ensinantes que saben da importancia decisiva da estimulación temperá para o desenvolvemento dunha ampla capacidade lingüística, para facilitar a aprendizaxe de diferentes idiomas. Saben a fondo de canto se lles enriquece aos nenos castelán parlantes co natural desenvolvemento no idioma galego a partir dos primeiros anos. Só dende esta apertura se pode acadar a competencia bilingüe e favorecer un amplo dominio doutros idiomas...
Retrincos tomados de:
Quequedequenoconte. Nº 4. Panfleto de testemuña e defensa do mundo rural galego (que a amiga Alicia nos regalou na manifestación)

4/21/2010

Os paseos


Moitos paseos demos. Saïamos de tres en fondo? Cantos xeados pillamos no Parque mirando aquel mapa de España en relevo cuns ríos que nunca levaban auga. Mais tamén polos arredores, pola Tolda, cara ao Rato, cara á Palloza... Seguro que se fose hoxe tiñamos que facer etapas do camiño de Santiago, que entón non estaba tanto de moda e pelengrín aínda era un insulto. Cantos exseminaristas non farán este ano o camiño mesmo desde Roncesvalles e poderán ver este fermoso Cristo en Puente La Reina.

4/04/2010

O Castiñeira


Xa lle dedicaramos outra entrada a don José Castiñeira Pardo. Mais acabamos de pasar por Lugo e alí na Horta do Seminario topamos con este busto que nos alegrou o día. Aquel home aberto, dialogante, culto, amigo da música, que trouxo o Seminario desde a Idade Media ata o Século XX!!! Como vería el esta Igrexa de hoxe envolta en escándalos e tan pouco adaptada aos tempos modernos? Volvería para a cova? Mandaría a súa adhesión a Roma?

4/01/2010

Vivir coma un cura

O outro día falabamos da escaseza de vocacións nos seminarios de hoxe. Por iso as campañas son chamativas, coma a desta foto que nos mandan desde Estella-Lizarra no Camiño de Santiago

3/20/2010

Baixa o número de seminaristas

EFE, MADRID: O alumnado dos Seminarios galegos caeu un 6,2% respecto ao curso pasado. Co moito que choveu este ano é raro, porque a nós sempre nos dicían que a vocación era unha flor que había que regar decote para que non murchase. Se cadra é que se esqueceron de regar os novos seminaristas enfrascados nas novas tecnoloxías. Porque se teñen que adaptar aos tempos, claro, o outro día nun enterro o crego predicou, e predicou unha presentación de diapositivas, si contounos un deses powerpoint que lle mandara un amigo. Se esperta monseñor Ona de Echave non o cre.
Volvendo á nova da prensa, seica só hai neste curso 315 seminaristas galegos. E co fácil que sería multiplicar por 10 ou por 100 o número de seminaristas, sen traballo ningún! Tampouco habería que lles cambiar o nome, que xa acaba en -a. Señores bispos, adáptense aos tempos, deixen entrar as rapazas nos Seminarios e terán moito alumnado e moi aplicado!
Fagan algo positivo entre tantas novas negativas de abusos por todo o mundo mundial!!! Adáptense e non só ao powerpoint! Ou sigan á baixa!?

3/15/2010

Novo libro do Pucheiro


Chantada na histoira é o novo libro de Alfonso Eiré, o Pucheiro, exseminarista do noso curso. E presentouno esta fin de semana aproveitando a Feira do Viño de Chantada. Para os de Chantada é de lectura obrigatoria.

3/04/2010

Profetas menores

Velaquí a lista:
Oseas
Joel
Amós
Abdías
Jonás
Miqueas
Nahúm
Habacuc
Sofonías
Ageo
Zacarías


Alguén se acorda se nós aínda os tivemos que estudar de memoria?

2/17/2010

Vaia susto para os seminaristas!


Bo susto deberon levarse os estudantes a cura do Seminario de Palma de Mallorca ao veren aterrar ao Douglas C-3 nos seus xardíns. Foi un 11 de abril de 1958. O avión era de Iberia, e cubría a liña de Palma a Barcelona desde o aeroporto de Son Bonet (información facilitada por Verónica)
Va que o Seminario mallorquín ten un aire ao noso?

2/15/2010

As viaxes cara ao Seminario

Os da parte de Chantada iamos na Directa (que segue facendo a mesma ruta hoxe). Mais ata a Directa tiñamos que ir camiñando ou en taxi, que os nosos pais non tiñan coche. Cantas veces nos levou o señor da foto no seu taxi! E mesmo houbo uns anos que nos levaba xa ata Lugo cando mercou un Land Rover. Aquilo xa era un luxo, en taxi desde a aldea ata o Seminario, el facíanos un bo prezo e merecía a pena.
Hoxe vemos como este veciño noso de Carballedo (José Antonio Lobelle) goberna un dos mellores equipos de fútbol sala de España (e polo tanto do mundo) e grazas a el Santiago foi esta fin de semana a capital do fútbol sala. Saúde a ánimos para o Sr. Lobelle!

2/13/2010

Do curso do Matalobos (o actor)

Camnpións provinciais en abril do 78: Ledo, Zurdo, Benito, Barcala, Guerra, Tito, José Gómez (adestrador) de pé. Agachados: J. Diéguez (adestrador), Varela, Ovidio, Alvarado, Ramirín


2/02/2010

1/21/2010

Exseminaristas en Santiago

Foron hoxe varios os ex-seminaristas do noso curso que estiveron en Santiago defendendo a dignidade da lingua que falabamos case todos en Lugo. Así rematou o acto


1/20/2010

Códice Calixtino

Lin estes días que se publicou en galego o famoso e antigo libro do Códice Calixtino. Tamén lin que o tradutor ao galego fora José López Díaz. Non vin foto del, pero lembro que nos dera clase de latín José López Díaz. Podería tratarse do mesmo? Saben algo os de Lugo?

1/17/2010

Recibo de pago

Estes eran os recibos que nos entregaba o Maiordomo don Pegerto, ou o seu axudante Constantino nos primeiros anos. Lembrades?

1/09/2010

Repasando o nome dos compañeiros


Nesta foto vemos a Penalonga explicándolle a Jaime algo... de algún seminarista. Na columna da dereita está o listado. Se alguén bota de menos algún nome e se sobra outro... pode comunicalo aquí.

1/05/2010

Agasallo de Reis


Como agasallo de Reis aí vai a foto dos participantes na reunión-comida anual de decembro do 2009. Grazas a Vicente que fixo as fotos e a Penalonga que as enviou. Parece que non pasan os anos, cada vez máis novos!!!!!!

1/03/2010

Vaia equipazo!


Hoxe domingo é día de fútbol. Supoño que de fútbol sería este equipo, pero só son 7. Por que? De que ano será? Quen son os xogadores? Creo que un é López Gallego!