1/05/2011

Agasallo de Reis de José Luís Álvarez Quintana para os lectores/as do blog

INVERNO EN 2010
(POR SE OS AMIGOS FOSEN NECESARIOS)

Chove,
non importa, se é inverno
e as mans topan cos petos.
Se o silencio se cobre de palabras
e os ollos se abrigan de miradas.
Se mañá segue sendo logo,
se te agardan sentados na beirarrúa
aínda que chegues máis tarde,
xa de noite, empapado de sombra
e despois das doce sen un bico.

Chove,
apagáronse as luces do xúbilo,
as grilandas serpeaban na lama
e a orquestra esváese na nube do café.
Non se ven as coristas de vermello,
o solista de charón e as mans inquedas
enterra o seu chapeu branco,
o home vello do saxo vello
escóndeo no estoxo de cartón
e afástase coxeando desacompasado.

Chove,
chegou mentres soñabamos entretidos.
Os nosos fillos durmían pola mañá,
como os mariñeiros coas redes acuguladas,
sen saber que a mar non é previsible.
Onte repartiámonos futuro
pero hoxe non chegou, mañá está pechado
e logo anuncian néboa ou quizais sexa un erro.

Chove,
non importa, se os vosos nomes
florecen cando abro as mans,
se detrás dos meus zapatos rotos
sempre quedan camiños compartidos ou,
sinxelamente, podo seguir as vosas pegadas
para acadar o regreso á casa.

Non importa,
chove e non importa;
estaremos atentos por se un día,
talvez non sexa necesario, pero un día
nos chamen a destempo
cando menos o esteamos esperando,
e saberemos abrir todas as portas
ata que chegue de novo o arco da vella.
             
                                               XL FERREIRO  

Ningún comentario: