12/06/2013

Divertido

Están tomadas do libro Anécdotas de profesores (Carlos G. Costoya, Styria, Barcelona 2010).
Que é a Xénese?
      - O mellor grupo de rock da historia.
Quen foi Moisés?.
      - O protagonista da película "O Dez Mandamentos".
Quen é Deus?.
      - É un concepto moi difícil de definir porque como non existe non se pode dicir.
Que é a fe?.
      - É un don que dá Deus para entender aos curas na misa.
Que é a Arca da Alianza?.
      - É unha arca escondida en Exipto que foi atopada por Indiana Jones na película "En busca da arca perdida".
Menciona unha parábola de Jesús.
      - A parábola do fariseo e o republicano. [Publicano]
Cales son os santos lugares?.
      - Santiago de Compostela, Santa Cruz de Tenerife e San Sebastián.
Que é a Apocalipse?.
      - O libro que serviu de inspiración á peli "Apocalipse Now".
Que é un sacerdote?.
      - Na igrexa hai dous tipos de curas: os que cren en Deus e os que non.
Que é a Santísima Trindade?.
      - O pai e o fillo e a pomba que vive con eles.
Como se converteu san Pablo?.
      - Caeu dun cabalo polo susto que lle deu Jesús.
Que foi a Torre de Babel?.
      - Foi a primeira escola de idiomas do mundo.
Como se ha de resistir á tentación?.
      - A mellor forma de evitar a tentación do demo é deixar que che tente, ti caes, e logo salgues.
Cantas cousas son necesarias para recibir ben a Sacra Comuñón?.
      - Porse ben na fila, estar atento para que non se che coen, levantar un pouco a cabeza e abrir ben a boca para que che entre fácil a hostia.


11/30/2013

Xantar 30-11-13

Foi no ano 1966 cando máis de 100 rapaces empezamos no Seminario de Lugo. Hoxe xuntámonos 21 deles a xantar no Manuel Manuel de Lugo. Só un saíu cura (vaia fracaso de vocacións). Boa parte xa estamos calvos por iso eu aproveitei para sentar xunto a dous albinos melenudos (Penalonga e Doval), a ver se se pega algo. O Julio, nin que dicir ten que é o mellor cura da diocese de Lugo con diferenza! Só leva 17 parroquias. Empezamos o xantar ás 13:30 e non rematamos ata as 19 h, tiñamos os contos atrasados (Jaime veu desde Miami coma sempre). Foi un día especial entre tantos amigos.
 

11/22/2013

Real Academia Galega

Foi hoxe en Pontevedra. Presidía a sesión o noso profesor de COU no Instituto Xesús Alonso Montero. Pronunciou o discurso de entrada a escritora Fina Casalderrey e ao seu lado estaba o exseminarista (dous anos máis ca a nosa xeración) e académico Pegerto Saavedra (foto). Entre o público o Eiré e o Guerra, polo menos...

11/01/2013

Libros de Nicandro Ares

Presentados no Seminario dous volumes de Don Nicandro
Entrevista con Don Nicandro
E velaquí a homenxe do noso benquerido colaborador Pedro J. Rovira


NICANDRO ARES VÁZQUEZ


Lémbroo cordial, afable, amistoso.

Non me uniron a el maiores lazos,

pero é dos homes que che caen ben, que sentes próximo.

Humilde de verdade,

sen crerse moito,

comprobas que si sabe,

alá no fondo.

Sorriso retranqueiro,

mais non non doloso,

falar quediño,

acolledor, meloso.    

Hoxe vino na prensa. Fora premiado.

Aleluia –pensei, aínda hai xustiza!

Con tanto figurón condecorado,

hora era xa de de ver un xesto nobre

de ensalzar a quen de verdade o merecía.

Segue soñando, meu profesor Nicandro.

Aqueles aos que antes reprendías,

con agarimo, sen rancor, coma un amigo,

alegrámonos no máis fondo de nós mesmos

de que toda unha Academia recoñeza

o moito que ti vales.

Sei que para ti estes honores

non suporán nin máis honra nin valía.

Pero para todos aqueles que te queren

son merecidos.

Xustiza obriga.



                   Pedro J. Rovira Magariños

9/15/2013

Outro exseminarista (dos do 64) na Academia Galega

Entre outros sitios podemos ver a noticia no Progreso.
Pegerto Saavedra ben merece formar parte da Academia Galega porque é un dos nosos mellores historiadores. Ademais honra o nome Pegerto, o santo de Buciños en Carballedo. Parabéns para el.

9/13/2013

Carta do ex-seminarista da promoción do 66 a Del Bosque

O noso compañeiro Xosé Manuel Mato é desde hai unha morea de anos o Señor Alcalde de Paradela, terra do grande porteiro Diego López. Sae na prensa esta carta súa a Vicente Del Bosque por non levar á selección ao rapaz de Paradela, pódese ver na Marca. Non precisa comentarios!!!!

9/02/2013

8/24/2013

8/14/2013

Adiviñas



Adiviña: igrexiña pequeniña, sacristán revolvedor e os santiños todos darredor (Resposta: ACOB A).  
E ao lado da Igrexa está a reitoral e na reitoral debía haber unha destas da foto para ter contento o señor cura. Que será? (Resposta: arietalocohc)

8/12/2013

Saúdos para os axustadores das Mercedes

O sábado no Hotel Jorge I xuntáronse os que estudaron nas MERCEDES e seica o pasaron de marabilla. alegrámonos e ke nos manden algunha foto

8/01/2013

Os curas comían polo

Nos anos que botei na Cervela antes de ir para o Seminario de Lugo tiña bos conselleiros. O carpinteiro dicíame que me metese cura para almorzar chocolate e xantar polo. O zapateiro que estudase para médico para lle ver as pernas ás mulleres. Consellos moi prácticos os dous. O certo é que o de comer polo era moi san. Meu tío Beningno, que foi cura en Cuba, chegou aos 105 comendo pito da casa todos os días ao xantar xa retirado en Trasar. Claro que era da casa, a ninguén se lle ocorría mercalo. Ten fama o capón de Vilalba, tamén o galo de curral de Vila de Cruces. Hoxe no supermercado tiñan de oferta "pollo rural", será logo que tamén haberá "pollo urbano" digo eu.

7/24/2013

Charro e conchatero

Conta o meu curmán Javier que unha paciente súa alá pola Pontenvova díxolle esta frase ao que viña con ela:" veña, vamos, que eres máis charro que os charros dos Ancares, conchatero!"
O de "charro" pode ser como lle chaman a un falar da zona de Vilafranca do Bierzo. Pero o de "conchatero" só llo escoitou a esa señora de máis de 90 anos.
Alguén sabe algo sobre estas palabras?

7/10/2013

Os de Lalín



Saúdos para a xente de Lalín. Aínda había bastantes seminaristas de Lalín e todos boa xente. Xa son da provincia de Pontevedra pero da diocese de Lugo, como ben demostra esta fonte restaurada no Corpiño.

6/28/2013

Prexubilacións na quinta do 64

Este ano andas a prexubilarse no ensino os que ían dous anos por diante de nós. Hoxe remata unha longa e dilatada carreira docente en Boiro Bernardino González Guerra. Onte os compañeiros despediron en Pontevedra a José Antonio Fernández Sucasas. Boas xubilacións aos dous.

6/27/2013

Infiltrados de Afonso Eiré

Hoxe presentou Afonso Eiré, o noso compañerio de Seminario de Lugo, a súa novela de non ficción Infiltrados. Ben acompañado na mesa por Tucho Calvo, Fernando Filgueira e Xosé Abilleira