11/30/2013

Xantar 30-11-13

Foi no ano 1966 cando máis de 100 rapaces empezamos no Seminario de Lugo. Hoxe xuntámonos 21 deles a xantar no Manuel Manuel de Lugo. Só un saíu cura (vaia fracaso de vocacións). Boa parte xa estamos calvos por iso eu aproveitei para sentar xunto a dous albinos melenudos (Penalonga e Doval), a ver se se pega algo. O Julio, nin que dicir ten que é o mellor cura da diocese de Lugo con diferenza! Só leva 17 parroquias. Empezamos o xantar ás 13:30 e non rematamos ata as 19 h, tiñamos os contos atrasados (Jaime veu desde Miami coma sempre). Foi un día especial entre tantos amigos.
 

11/22/2013

Real Academia Galega

Foi hoxe en Pontevedra. Presidía a sesión o noso profesor de COU no Instituto Xesús Alonso Montero. Pronunciou o discurso de entrada a escritora Fina Casalderrey e ao seu lado estaba o exseminarista (dous anos máis ca a nosa xeración) e académico Pegerto Saavedra (foto). Entre o público o Eiré e o Guerra, polo menos...

11/01/2013

Libros de Nicandro Ares

Presentados no Seminario dous volumes de Don Nicandro
Entrevista con Don Nicandro
E velaquí a homenxe do noso benquerido colaborador Pedro J. Rovira


NICANDRO ARES VÁZQUEZ


Lémbroo cordial, afable, amistoso.

Non me uniron a el maiores lazos,

pero é dos homes que che caen ben, que sentes próximo.

Humilde de verdade,

sen crerse moito,

comprobas que si sabe,

alá no fondo.

Sorriso retranqueiro,

mais non non doloso,

falar quediño,

acolledor, meloso.    

Hoxe vino na prensa. Fora premiado.

Aleluia –pensei, aínda hai xustiza!

Con tanto figurón condecorado,

hora era xa de de ver un xesto nobre

de ensalzar a quen de verdade o merecía.

Segue soñando, meu profesor Nicandro.

Aqueles aos que antes reprendías,

con agarimo, sen rancor, coma un amigo,

alegrámonos no máis fondo de nós mesmos

de que toda unha Academia recoñeza

o moito que ti vales.

Sei que para ti estes honores

non suporán nin máis honra nin valía.

Pero para todos aqueles que te queren

son merecidos.

Xustiza obriga.



                   Pedro J. Rovira Magariños