10/11/2014

Eu tamén vin o lobo

Eu tamén vin o lobo podía ser o título dunha novela do compañeiro Pucheiro.

Miguel Anxo Murado fala hoxe de lobos en” La Voz”. Di que se perde a fala cando un ve o lobo e que a el lle pasou.

Eu vin o lobo alá polos meus 7 anos indo un día só desde a Cervela a Rubián de Cima buscar o correo á casa da Alicia. A uns vinte metros enriba dun valado estaba un can grande con moito peito mirando para min. Eu fixen o que era común nos rapaces, tirarlle unha pedra, o can nin se moveu; eu pensei “este can é parvo” e seguín o camiño. A 200 metros estaba a Sra. Carmen, ao verme espantouse toda: “ai, neno, e como vés ti só, que acabo de ver o lobo aquí mesmo”. Non sei se perdín a fala ou non pero botei a correr e non parei ata a reitoral do meu tío José. Aínda hoxe teño nítida na memoria a imaxe daquel can con moito peito. Pero fun un valente, grazas á miña ignorancia non lle tiven medo ao lobo!
E saúdos para os de Lugo, que aproveiten o pouco San Froilán que lles queda